Thursday 19 de September de 2024

O Concello da Pobra convida cuns obradoiros a moverse ao ritmo do linedance e do baile social


A veciñanza da Pobra do Caramiñal poderá practicar novas modalidades de baile dentro do programa Baila con Nós, de Taller Alecrín: linedance e baile social. Trátase dunha serie de obradoiros de balde que se impartirán nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras.

No total, consta de catro sesións nos días 20 e 27 de setembro: unha de iniciación ao linedance (de 19.00 a 20.00 horas), dúas de linedance intermedio para singles (a primeira, de 20.00 a 21.00 horas, e a segunda, de 21.00 a 22.00 horas) e unha de iniciación ao baile social para parellas (de 22.00 a 23.00 horas). A solicitude de información e reservas efectuarase no 698150432.

O linedance é unha modalidade de práctica en grupo onde se mesturan ritmos clásicos, modernos e latinos, mentres que o baile social está destinado a mellora-la técnica no estilo de baile con propostas didácticas.

Durante o acto de presentación, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, manifestou que “neste ano decidimos diversifica-la oferta cultural para este inverno incorporando unha nova disciplina artística. Así, ás aulas de pintura ou música que adoitamos desenvolver no noso municipio, apostamos por introducir dúas modalidades de baile. Anteriormente desenvolvíanse a través do Centro Sociocomunitario e de Benestar e apostamos por colle-lo testemuño dende a Administración local.” Tamén se referiu ao positivo desta iniciativa “non só dende o punto de vista cultural, senón tamén dados os beneficios que ten para a saúde e o estado anímico, ademais de fortalecer a interacción social.”

En representación da Taller Alecrín estiveron a súa presidenta, Lola López, e o técnico da mesma, Francisco Muñiz. Segundo explicou Muñiz, esta é a terceira edición de Baila con Nós que se desenvolve na Pobra coa finalidade de “promover hábitos saudables” entre a poboación adulta a través do baile. Esta iniciativa tamén se imparte en Santiago, Aguiño e Ribeira do 17 ao 27 de setembro.

O programa Baila con Nós posibilitará, así mesmo, organizar diferentes grupos cunha duración de outubro a xuño con diferentes accións de lecer como a Festa do Nadal, XIII Mediterránean Linedance, Festa da Primavera, Día Internacional da Danza, Cita coa Diversidade, Romaría Popular e Festa de Fin de Curso 2024-2025. Para participar nestas actividades tamén é preciso anotarse no 698150432 e aboa-las taxas correspondentes.

Deja un comentario